Unha investigación analiza a imaxe das rutas xacobeas creada pola prensa

Terracha Xa | Lugo XA | Sarria Xa | A Mariña Xa
O investigador Manuel Seco elabora coa axuda da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC un corpus de case 400 textos xornalísticos
plosa2
5 ene 2024

O investigador Manuel Seco elabora coa axuda da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC un corpus de case 400 textos xornalísticos que configuraron a percepción das peregrinaxes transmitida na prensa dos dous países.

A palabra ‘peregrino’ ten hoxe distintos significados nas sociedades española e francesa. Este é un dos achados preliminares realizados polo investigador Manuel Seco Lamas recompilando un corpus de case 400 documentos publicados na prensa escrita española e francesa que teñan como tema principal os Camiños de Santiago e/ou o Xacobeo entre 1992 e 2022, co apoio da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, froito da colaboración entre USC e Turismo de Galicia. Seco acaba de publicar na web da Cátedra a memoria do proxecto de investigación Análise do impacto do Xacobeo no proceso de resemántica do Camiño de Santiago e da figura do peregrino: caso da prensa nacional española (1992-2022), que foi financiado pola Cátedra na súa VI Convocatoria de Axudas á Investigación.

Da lectura dos textos deste corpus despréndese que na sociedade española actual o termo ‘peregrino’ se aplica a calquera persoa que realiza o Camiño de Santiago, sexa por razóns relixiosas, culturais, turísticas ou calquera outra, mentres na sociedade francesa a palabra aparece asociada sempre á relixión, polo que se considera que as persoas que peregrinan a Compostela o fan por motivos espirituais e se non é por iso son consideradas camiñantes ou sendeiristas. O estudo da prensa, que chega a un número grande de persoas que non fan unha busca a propósito de noticias como sucedería en Internet, permitirá coñecer algo máis de como se forma a imaxe do Camiño entre quen peregrina desde terras hispanas e galas. Inicialmente, o investigador prevé consultar as cabeceiras El País, El Mundo, ABC, La Vanguardia, La Voz de Galicia, Le Monde, Ouest France, Le Figaro, Sud-Ouest e Le Parisien. Así mesmo, coa consulta das cabeceiras locais poderase ver como o tratamento das noticias sobre o Camiño é distinto nas comunidades polas que pasa a ruta xacobea que naquelas nas que esta queda máis lonxe.

Os resultados do estudo deste corpus forman parte da tese de doutoramento de Manuel Seco Lamas na Universidade de Toulouse II Jean Jaurès e que leva por título Los caminos de Santiago de Compostela en Europa: misterios de una revitalización (1993-2022). Na terceira parte desta tese preténdese analizar a evolución semántica dos Camiños de Santiago e da figura do ‘peregrino’ na prensa escrita española e francesa nas tres décadas obxecto de estudo: unha evolución ou resemántica que contribúe á configuración da imaxe social, inconsciente e turística do fenómeno xacobeo nos dous países.

O investigador lembra que moitas das persoas que peregrinan a Santiago planifican as súas viaxes a partir de “imaxes construídas”, por exemplo a partir de películas como The Way de Martin Sheen, que obtivo unha boa recepción nos Estados Unidos, ou da novela O diário de um mago de Paulo Coelho, que foi moi exitosa no Brasil. Por iso, considera que “hai unha correlación entre a orixe e a preparación da viaxe, os obxectivos son diferentes se un parte dunha localidade española que se parte de Canadá, probablemente quen veña de Canadá para facer o Camiño de Santiago dedicará máis medios e máis tempo e quizais vai ser a viaxe da súa vida”. Neste sentido, recorda que as enquisas revelan de onde veñen as persoas que peregrinan a Santiago, pero “non os seus motivos nin como se preparan”.