Ponte Outeiro, máis de vinte anos de asociación veciñal

Terracha Xa
Dende hai máis de vinte anos, a parroquia de Ponte Outeiro que pertence ao concello de Castro de Rei, conta cunha asociación que naceu co obxectivo pr
plosa2
30 ene 2024

Dende hai máis de vinte anos, a parroquia de Ponte Outeiro que pertence ao concello de Castro de Rei, conta cunha asociación que naceu co obxectivo principal de agrupar aos veciños e encargarse do mantemento do campo da festa, do teleclub e dos cemiterios.

Esta asociación conta coa colaboración de todas as casas do pobo, sobre unhas cento vinte, pero tamén hai outros socios que ainda que non teñen casa en Ponte Outeiro colaboran coa asociación xa que están vinculados dalgún xeito con esta localidade.

Bailes de salón ou talleres de memoria para a xente maior foron algunha das actividades que se celebraron en Ponte Outeiro e na actualidade todos os veciños poden desfrutar dun baile o primeiro domingo de mes. Un encontro no que a música e o movemento son os protagonistas e no que ademais de bailar, as case ochenta persoas que acudiron, puideron desfrutar dunha deliciosa comida na última destas xuntanzas.

A comida veciñal de todos os anos é outro dos gandres momentos desta parroquia de Castro de Rei. Organizada pola asocciación foron unha das primeiras da contorna en realizala e xa levan máis de vinte anos.

Conta tamén cun teleclub, un local social que fixo a parroquia financiado cos cartos de todos os veciños e que está situado no campo da festa. Ten un bar, servicios e outro local no interior que se utiliza para diferentes actividades como por exemplo o catecismo dos pequenos. Este espazo, que está a disposición de todos os veciños, serve tamén para acoller reunións e celebracións doutras asociacións como a Festa da Troita organizada por os Amigos do Miño.

Na actualidade dende a directiva gustarialles que xente nova tomase o relevo e lle deran unha nova vida á localidade con actividades para nenos e tamén para a xente moza. Un relevo con ganas de traballar e de volver a dinamizar Ponte Outeiro.