Outeiro de Rei: Ruta arqueolóxica do Acevedo

Terracha Xa
Unha ruta circular que percorre un total de dez quilómetros a través das parroquias de Martul, Aspai e Parada, de dificultade media e cunha duración
plosa2
30 ene 2024

Unha ruta circular que percorre un total de dez quilómetros a través das parroquias de Martul, Aspai e Parada, de dificultade media e cunha duración estimada de dúas horas e media que nos permite coñecer algúns dos restos arqueolóxicos máis importantes do municipio.

O municipio de Outeiro de Rei conta cunha grande cantidade de mámoas e dólmenes pertencentes a denominada cultura megalítica. Normalmente o seu emprazamento vincúlase coas principais vías de tránsito ou de desprazamento natural que percorren a zona. As medorras, un dos nomes cos que se designa na Terra Chá aos túmulos prehistóricos, constitúen xunto aos castros o xacemento arqueolóxico máis representativo da xeografía galega, moi abundantes neste territorio. A través desta ruta poderemos descubrir os conxuntos tumularios máis representativos do concello de Outeiro de Rei.

A igrexa parroquil de Martul será o punto de inicio desta ruta, unha igrexa románica que a excepción da ábsida sufriu unha reforma total levantando unha nova nave e duas capelas laterais que lle dan forma de cruz latina. Unha vez atravesada a aldea tomaremos un desvío a man dereita para atopar o primeiro resto arqueolóxico.

Pena Dereita é o primeiro túmulo funerario do que poderemos desfrutar nesta ruta e presenta cámara de tipo poligonal con probable apertura en corredor cara o leste e a pedra de cabeceira é de grandes dimensións con un metro oitenta de altura. Continuaremos o camiño ata chegar aos túmulos de Roza das Presas e as medorras de Acevedo seis e sete que non teñen camiño de acceso pero son fáciles de visitar mentres que para vistar a número oito si que hai que desviarse do camiño principal.

A continuación chegaremos a aldea de Province, en Aspai, onde atoparemos construccións de casas tradicionais e unha pequena fonte. Comezaremos unha subida para chegar ao seguinte punto, o dolmen Pico de Mallas que está situado a 544 metros de altitude e ten uns catorce metros de diámetro e dous metros de altura. Ademais desde este punto poderemos desfrutar dunhas fermosas vistas de toda a contorna.

Comezaremos un pequeno descenso ata atopar os túmulos de Province e trescentos metros despois poderemos observar o gravado de Galva. O soporte deste gravado é un amplo afloramento granítico moi plano e ten o motivo situado no extremo oeste que consiste nunha figura composta por un cículo do cal parte un radio cortado tranversalmente por unha liña curva.

Desde este punto seguiremos baixando e a nosa esquerda atoparemos o desvío para ver o túmulo de Jolfa un e os petroglifos de Pena Serranda nun gran afloramento rochoso. Volveremos ao camiño e preto a unha sinal atoparemos un pequeno desvio entre árbores que nos leva ao gran túmulo de Pena Serrada e baixando un pouco máis están os túmulos de Pascuais.

Seguindo os carteis atoparemos xa os últimos elementos de interese desta ruta, as Medorras de Acevedo un, dous, tres e catro. A primeira das de Acevedo é un túmulo de forma semiesférica que conserva aínda o resto da coraza e ten tres laxas graníticas que sobresaen, unha delas cun gravado. A Medorra de Acevedo número dous interrelacionase coas outras dúas e ten forma semiesférica e a tres presenta unha cámara visible en case a súa totalidade de forma poligonal.

Para finalizar, continuando o percorrido, poderemos visitar os túmulos de Carrís e dende este último punto, iniciaremos o descenso ao río chegando á Ponte Colgante de Parada, espazo moi agradable a carón do río Miño; desde aquí ascenderemos pola estrada cara ao punto de partida en Martul.