Oito centros escolares de Lugo participarán nunha liga sobre ciberseguridade

Terracha Xa | Lugo XA | Sarria Xa | Ribeira Sacra Xa | A Mariña Xa
Máis de 1.000 alumnos de 4º de ESO de 34 centros educativos de Galicia participaran este curso na modalidade preamateur da V Ciberliga 2023, unha acti
1 Xornada de ciberseguridade
1 Xornada de ciberseguridade
plosa2
15 oct 2023

Máis de 1.000 alumnos de 4º de ESO de 34 centros educativos de Galicia participaran este curso na modalidade preamateur da V Ciberliga 2023, unha actividade teórico-práctica de formación en ciberseguridade e en prol dun exercicio responsable da cidadanía dixital. A iniciativa é impulsada pola Garda Civil e foron elixidas para participar nesta iniciativa Galicia, Castela–A Mancha e Madrid.

Será o Instituto Nacional de Ciberseguridade o que desenvolva a actividade ao longo do primeiro trimestre do curso 2023-2024, con dúas fases clasificatorias. A primeira delas, a nivel galego, consistirá nunha formación en streaming dunha hora de duración á que seguirá un ciber-reto nun espazo virtual seguro no que participará o alumnado en grupos de tres ou catro.

Neste ciber-reto terán a oportunidade de por en práctica os coñecementos de ciberseguridade aprendidos na sesión anterior.

Pasarán á segunda fase, a nivel nacional, os cinco mellores equipos clasificados no ciber-reto a nivel galego. Desenvolverase, con similares características e probas, en Aranjuez (Madrid) do 14 ao 16 de novembro.

Os centros galegos participantes na provincia de Lugo son o IES Perdouro de Burela, o IES Marqués de Sargadelos de Cervo, o CPR Plurilingüe Martínez Otero de Foz, o CPI Dr. López Suárez de Friol, o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, o CPR Real Colegio Padres Escolapios de Monforte, o CPR Plurilingüe Ntra. Sra. de la Asunción e o IES Gregorio Fernández de Sarria.

Esta acción enmárcase no protocolo subscrito no ano 2022 pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Dirección Xeral da Garda Civil, así como nas estratexias Edudixital e Educonvives da Xunta de Galicia. Non en balde, a primeira delas prevé a formación dos estudantes para adaptarse aos desafíos que os esperan no ámbito educativo, persoal ou profesional; mentres que a segunda recolle como unha das súas liñas de actuación o establecemento de actuacións específicas cara a unha convivencia dixital responsable.