"En Guitiriz tiven a fortuna de atoparme cunha mocidade con ganas de facer cousas novas"

Terracha Xa
Alfonso Blanco Torrado, crego en Guitiriz, é o fundador e coordinador da asociación Xermolos así como un dos promotores do festival Pardiñas. Falamo
plosa2
30 ene 2024

Alfonso Blanco Torrado, crego en Guitiriz, é o fundador e coordinador da asociación Xermolos así como un dos promotores do festival Pardiñas. Falamos con el da súa historia, dos seus proxectos e de como ve o futuro.

Cando era pequeno pasou de vivir na cidade de Montevideo ao rural galego. Como foi ese cambio?

Pois o cambio non o recordo moito porque eu tiña catro anos, pero a proxección coa que vivín os anos do ensino alí na escola, nunha aldea de Ponteceso, si que me marcaron moito, sobreodo a fala. Ir descubrindo pouco a pouco a importancia de que somos un pobo cunha cultura , unha fala e uns símbolos que nos diferencian doutros pobos e concretamente de onde eu viña, da capital de Montevideo.

Como repercutiu iso no seu futuro?

Axudoume a valórar máis a identidade do noso pobo. Logo fun para os seminario e por desgracia non se apreciaba a importancia desta identidade, pero eu tiven a fortuna de atoparme alí, moi novo aos catorce ou quince anos, con Manuel Espiña que daquela estaba totalmente volcado na tradución ao galego dos evanxeos. Creamos amizade entre os dous e mesmo participei na corrección das probas para imprenta e para a tradución. Ao pe del foi un pouco onde seguín descubrindo a inmensidade da nosa cultura e da nosa fala.

Como foros os primeiros anos en Guitiriz?

Bueno, houbo de todo, o bispo mandoume para aquí e quedei contento. Barallou antes destinarme en Abadín polo que estaba destinado a Terra Chá.

Unha vez en Guitiriz tiven a fortuna de atoparme cunha mocidade con ganas de facer cousas novas e de cambiar o xeito de facer algunhas cousas, de crear comunidade, de facer pobo e xa dende os primeiros días que cheguei alí comecei a colaborar e traballar con eles ata que fundamos a asociación Xermolos e despois dentro de Xermolos o festival de Pardiñas.

Cal é a finalidade de crear a asociación?

Pois nace un pouco para que a xente tomase conciencia de que a mocidade tiña algo que dicir. Había como unha minusvaloración da capacidade da mocidade, parecía que había que ser adultos para poder facer algo ou para que te tiveran en conta.

Fundar unha asociación xuvenil foi algo difícil, custounos e tivemos problemas, atrancos, denuncias porque a xente, sobretodo xente que estaba noutras asociacións da vila pois non entendían que a mocidade puidese ter palabra, iniciativa, creatividade e que tiñamos que ter en contan.

Xermolos era unha plataforma para dar vida a mocidade nas nosas poboacións rurais, para promover a súa participación na cultura, nas festas da vila e da parroquia e para darlle a importancia que ten a mocidade achegando o seu xeito de ser e a súa creatividade.

Que significa para vostede esa vinculación e traballo ca mocidade?

Leveina moi ben, porque para min esa idade ten unha paixón, un entusiasmo e ten unha emoción que nos axuda a todos e que temos que contaxiar.

Sigo traballando coa mocidade, agora cústame máis por as miñas dificultades físicas pero para min segue sendo fundamental o seu papel na poboación e penso que temos que escoitar ás mozas e aos mozos e ter en conta as súas iniciativas. A veces cústanos pero penso que é fundamental e necesario, non fai falla chegar a adultos para aportar.

Por exemplo no certame Terra Chá de debuxo e literatura infantil no que participan nenos e nenas de todo o país é realmente unha fortuna o que transmiten, os sentimentos, as emocións, as iniciativas, os feitos e penso que xa nesas idades temos que contar con elas e eles e escoitalos.

Cal é a primeira idea detrás de pardiñas?

Nós votabamos de menos nas festas daquela que non se tivese en conta a nosa música, que non se tivese en conta a nosa cultura. Pardiñas non é só música, é unha festa da música e das artes e contamos con exposición de pintura, escultura, fotografía ademais da mostra de artesanía.

Tamén contamos coa mostra de artesáns de instrumentos gracias a Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros de Galicia, a primeira que se celebra na península xa fai máis de trinta anos. O que queremos e ter presente unha festa onde poidamos gozar de todas as artes e tamén en colaboración coas artes e as músicas de todos os pobos.

E logo que sexan tamén protagonistas todas as idades, para min e para nós Pardiñas é unha familia e é importante a presenza de todas as idades, porque todas teñen esa paixón para achegar o que saben e o que están a crear. A través do festival pensamos que estamos mellorando o mundo e sobretodo que estamos incrementando as nosas artes, a nosa cultura e a nosa calidade de vida en Galicia.

Como foi a acollida e os primeiros anos?

Ao principio custou un pouco, a mocidade entregouse, pero custou porque para a xente era difícil acoller a poboación doutras etnias, doutros grupos e custou acollelos, sobretodo as acampadas.

Hoxe a aldea e a comarca acolle con agarimo a poboación de moitos países que comparte con nós o festival de Pardiñas.

Hai xente que está aquí máis dunha semana acampados e hoxe todo o mundo é consciente de que esa convivencia é un enriquecemento pero ao principio non foi fácil. Daquelas tamén era unha novidade, hoxe hai moitos festivais, case un en cada vila pero daquela Pardiñas foi un dos primeiros festivais de Galicia.

Como ve o futuro do festival e da asociación?

Ben, porque vexo que a xente máis nova tira por nós. Por exemplo Pardiñas é froito dun voluntariado enorme onde mozas e mozos xa adolescentes e mesmo da infancia algunhas e algúns queren colaborar, non só de Guitiriz senón de toda a Terra Chá e das nosas comarcas lindantes.

Moita xente quere colaborar, entón vexo futuro, creo nel e penso que imos polo bo camiño, porque mentres esteamos enraizado no noso pobo a través da fala, das artes e da cultura teremos futuro. Tamén temos que ir creando futuro, novos eidos, novas tarefas e escoitando a voz do noso pobo que merece a nosa entrega e a nosa colaboración. Véxolle moito futuro as asociación de base e aos colectivos do rural.

Como ve na actualidade a vinculación entre mocidade e rural? Como está a situación no rural para a mocidade?

Penso que a mocidade actual ten un futuro complicado porque teñen, aínda que tamén ten as súas vantaxes, teñen prendida a súa vida dunhas plataformas dixitais na man, no corazón e na memoria que nós non tivemos. Eles viven con elas, entón viven ao instante o que acontece máis alo do atlántico e iso hai que telo en conta.

Pero por exemplo eu este ano estiven no colexio de Parga para transmitirlles este orgullo de ter a fortuna de vivir nunha aldea, no rural, e estou indo a varios lugares e espazos onde están reivindicando para a mocidade a riqueza de vivir no rural e penso que o acollen moi ben e que están axudando a que as nosas aldeas medren neste patrimonioo que conservan.

Realmente a nosa fala témola tan viva grazas as aldeas e o noso patrimoni igual, grazas tamén ao rural, entón elas e eles comprenden e entenden iso. O que temos que facer é o esforzo todas e todos de contaxialos con eses bens e con eses dons. Temos que recoñecer ese patrimonio, eu penso que é unha lotería que nos tocou poder vivir no rural, porque transmítenos saúde, e o que temos e que crear vencellos e seguir contaxiando e transmitíndoo nos á xente nova que está disposta a acollelo.