“A xente busca un trato persoal e unha atención individualizada”

Terracha Xa
Zafiro Tours é unha axencia de viaxes que nace en Vilalba hai pouco máis dun ano. Falamos con Ana, para coñecer un pouco máis os servizos que ofrece
Zafiro portada
Zafiro portada
plosa2
7 ene 2024

Zafiro Tours é unha axencia de viaxes que nace en Vilalba hai pouco máis dun ano. Falamos con Ana, para coñecer un pouco máis os servizos que ofrecen.

Que é Zafiro Tours e cando comeza a funcionar?

Zafiro Tours é unha franquicia de axencias de viaxes coa que comezamos os trámites en maio do 2022. Unha vez me explicaron como é o funcionamento e tras recibir unha formación abrimos ao público o 2 de outubro de 2022.

Que tal a experiencia durante este primeiro ano?

Pois a verdade é que moi ben, coa competencia que hai actualmente con internet eu pensei que quizais nos ía custar un pouco máis, pero a verdade é que a xente está volvendo moito ás axencias de viaxes. Isto pode ser polo trato persoal, a atención individualizada ou pola axuda na resolución de calquera imprevisto, polo que a nosa valoración neste primeiro ano é moi positiva.

Cal foi o motivo para emprender neste negocio?

Unha das razóns foi porque en Vilalba non existía este servizo de axencia de viaxes pero tamén foi pensando na xente maior. Dende Zafiro Tours levamos viaxes do Imserso e pensando en toda a xente que tiña que desprazarse a outros municipios para poder facer estas reservas. Polo tanto este servizo de axencia de viaxe era necesario na vila.

Realizan viaxes a medida ou en paquetes?

Facemos viaxes a medida, en paquetes e calquera formato que o cliente solicite, nós adaptámonos sempre ás necesidades dos clientes.

Que é o que máis solicitan os clientes?

Nós o que máis traballamos é o vacacional e especialmente familias, pero cada vez estamos realizando máis viaxes de grupos, desde escolar, empresa ou asociación.

Traballan con todos os destinos do mundo?

Si, traballamos con calquera destino que o cliente solicite tanto nacional como internacional.

Que é o máis importante á hora de contratar unha viaxe?

Hoxe en día para realizar calquera viaxe, tanto internacional como nacional, nós cremos que o máis importante é realizalo a través dunha axencia de viaxe. Actualmente teñen moita popularidade as compañías de baixo custo e ante calquera imprevisto, os clientes atópanse sós. En cambio, cando unha persoa contrata unha viaxe a través dunha axencia conta co respaldo duns profesionais que farán todo o posible por buscar solucións aos problemas. Estes problemas non teñen porque xurdir sempre do produto que se contrata como un voo cancelado ou un hotel que non se corresponde co que reservamos, senón que a nivel persoal podemos ter calquera imprevisto que nos obrigue a volver antes. Por iso contar con persoal especializado e disposto a axudar é importante.

Que é o que máis valoran os clientes?

O trato personalizado e a atención individualizada que realizamos. Saber que ante calquera problema cando te vas de viaxe estamos dispoñibles, é unha tranquilidade, eu penso que iso a xente valórao moito.

Teñen agora algunha promoción?

Comezamos xa coa venda anticipada do verán e é importante lembrar que planificando e reservando as vacacións con antelación é posible conseguir mellores prezos e aforrar. Polo tanto se alguén xa sabe en que datas terá as vacacións esperámolo en Zafiro Tours para organizar unha viaxe a medida.

Onde os poden atopar e que horario teñen?

Estamos na rúa Campo de Puente número 2 de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 18.00 horas, sábados con cita previa. Polas tardes se alguén non pode nese horario tamén atendemos con cita previa.

“Cada vez estamos realizando máis viaxes en grupos, de escolares, empresas ou asociacións”

zafiro