A casa reitoral de Santaballa foi renovada cunhas obras finaciadas pola Deputación de Lugo

Terracha Xa
A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado nos actos que organizou a Asociación Cultural de Amigos da Liga Santaball
Diego Elías García
31 dic 2023

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado nos actos que organizou a Asociación Cultural de Amigos da Liga Santaballesa con motivo da recuperación da reitoral de Santaballa, unhas obras nas que a Deputación de Lugo investiu 13.600 euros.

Morandeira asistiu tamén á inauguración da exposición sobre a Historia de Galicia, financiada tamén pola Deputación de Lugo a través dunha achega de máis de 3.000 euros e aberta con motivo da restauración do inmoble.

A deputada destacou que a institución provincial apoia “todas as actividades que impulsan a cultura no rural”. Nese sentido defendeu a deputada que “hai que escoitar ao rural cando fai cultura. Hai que achegar a cultura ó rural. E hai que colaborar co rural para que se podan desenvolver actividades coma esta porque os que falan de rural baleiro son os que non se achegan a coñecer as iniciativas que fan asociacións como a Liga Santaballesa", expuxo.

Ademais, sinalou que a Deputación estará sempre “a carón dos concellos e da xente do rural, porque é o rural o que sempre lle devolve á sociedade moito máis do que pide”.

As obras que se realizaron na casa reitoral de Santaballa consistiron na renovación da carpintería exterior das fachadas principal e laterais. Concretamente, restauráronse as portas e ventás interiores e exteriores, que, co fin de seguir coa construción tradicional da igrexa desta parroquia, colocáronse en madeira.